septiembre 24, 2011

Nota das Xuventudes Socialistas de Compostela

As derradeiras declaracións do alcalde de Santiago de Compostela, ao parecer das Xuventudes Socialistas de Compostela, amosan que o señor Conde Roa é incapaz de exercer de alcalde da cidade e levar a cabo acción de goberno, limitándose a actuar coma xefe da “oposición da oposición.” Santiago non precisa un alcalde que limite a súa actividade a culpabilizar de tódolos males ó goberno anterior. Neste senso, a continua queixa sobre a situación das arcas municipais, sostida dende a súa época de concelleiro da oposición, non é máis que unha burda escusa para agochar a súa incapacidade e a total ausencia de proxecto para Compostela.

Segundo a Secretaria Xeral, Noemí Fernández, “estamos a observar con estupor como a chegada a alcaldía do Sr. Conde Roa non só non freou a súa disparatada carreira de declaracións, senón que polo contrario, semella que as incrementou”. “Non ten tempo de gobernar, pois está moi ocupado en disparar contra todo o que lle rodea: policía, oposición e especialmente contra os mozos e mozas, que semella que son o seu leitmotiv particular, acusándoos de vagos, borrachos, malgastadores dos recursos públicos o de non rematar a súa carreira en tempo e forma”.

Dende Xuventudes Socialistas de Compostela queremos denunciar que “non semella que o PP de Conde Roa teña algunha alternativa para mellorar os problemas que sacoden á nosa xuventude: falla de traballo e falla de horizonte laboral claro, dependencia dos proxenitores, contratos vasoira, falla de cooperación entre a universidade e as empresas privadas para tentar unha formación máis efectiva…

Por outro lado, non podemos deixar de coincidir con D. Gerardo Conde Roa en que o abuso do alcohol é un hábito nada saudable, pero pretender criminalizar a quen o consume non soluciona o problema. Neste sentido, cabería pedirlle o alcalde ese mesmo espírito construtivo e conciliatorio que amosou e pediu, non vai moito tempo, para o seu xefe de gabinete. Do mesmo xeito, creemos que crear un estado de opinión dirixido a identificar os estudantes como vagos, borrachos e parasitos do sistema é, ademáis de inxusto, un erro torpe e potencialmente perigoso nunha cidade que é residencia de milleiros de estudantes.

En palabras de Noemí Fernández, “o botellón non é unha actividade modélica, nin pretende selo, é simplemente o reflexo dunha forma de socialización dos mozos e mozas que obedece a condicionantes económicos, sociolóxicos e culturais.” Dende XSG Compostela non defendemos nin o uso nin o abuso do alcohol, pero a criminalización do botellón resulta ineficaz e fondamente hipócrita nun país no que o consumo e o abuso do alcohol está fondamente ligado ás festas e eventos públicos e no que as esmorgas, troulas, algueiradas e foliadas de mozos e non tan mozos non resultan precisamente novidosas en termos históricos.

En palabras da nosa Secretaria Xeral “sería moito máis convinte e politicamente responsable por parte do noso alcalde que se propuxeran medidas alternativas de ocio, que facilitaran recintos, grupos de traballo para poder limpar os resultados do botellón, colaborar para que os mozos poidan reunirse sen que elo supoña máis custo para o seu peto…”

Dende Xuventudes Socialistas de Compostela queremos recordar ó goberno municipal que os cargos supoñen cargas, entre as que está buscar solucións ós problemas e non sinalar co seu dedo acusador a todo o que lles rodea.

No hay comentarios:

Publicar un comentario