noviembre 09, 2011

Conde Roa, a finca do Espiño e o tufo a corrupción

Perplexa, anonadada e sen palabras deixoume Conde Roa o pasado venres 28. «Hoy por Hoy» o programa da Cadena Ser de Carles Francino emitíase en directo desde o Hostal dos Reis Católicos en Compostela. Despois de que entrevistase, entre outros,a Feijóo, RAGDOG, Maldita Nerea, Gema Mengual… tocáballe a quenda ao alcalde de Compostela, Conde Roa. Francino preguntoulle cal era a última boa nova que recibira, e o noso querido alcalde non se lle ocorreu outra cousa que dicir que a mellor noticia que recibira nestas semanas fora o acordo pola finca do Espiño. Os apupos e os berros de «sinvergüenza» non se fixeron esperar por parte dun público que non podía crer o que acababa de escoitar.

A finca do Espiño, un parque de 26.000 metros cadrados, leva sendo obxecto de debate desde o 2001. Conde Roa, sen ningún tipo de vergoña e sen ruborizarse, saía a rolda de prensa xunto coa Promotora Layetana o pasado venres 21 de outubro para anunciar o seu primeiro gran protocolo, protocolo que por certo, faise sen coñecemento nin firma de ningún técnico municipal, pois ese mesmo día e antes de que estes puidesen dar o seu visto bo (ou non) cesouse á cúpula técnica de Urbanismo, catro funcionarios aos que nin tan sequera se lles comunicou cales ían ser as súas novas funcións.

Nesta rolda de prensa anunciaron a bombo e platillo que a promotora Layetana retirara o contencioso que mantiña co Concello e que se construirán 120 pisos. Curioso… pois como se pode retirar un contencioso en outubro cando xa hai sentenza firme do TSXG de febreiro? Sentenza que condena á empresa a pagar máis de 2’2 millóns de euros máis intereses de demora.

Boa noticia? si, pero para quen? para os cidadáns? seguro que para eles non, pois por riba que non se vai a construír o xeriátrico acordado co goberno do bipartito, non recibimos nada a cambio! E é máis, perdoamos os intereses de demora. Aquí e polo que coñecemos ata o momentosó hai un beneficiario que é a promotora Layetana que pasa de estar condenada a pagar unha cantidade considerable ao Concello a poder construír libremente na finca en cuestión.

Seguro que os partidarios de Conde Roa pensarán que existe algunha boa razón para toda esta operación, que nos será revelada en breve e que algúns teremos que tragarnos as nosas críticas… pero mentres as explicacións non chegan cheira mal, moi mal, este asunto… Espero que tanto Sánchez Bugallo como Rubén Cela non deixen pasar este tema e cumpran co que declararon de que esixirán responsabilidades políticas e que acudirán á fiscalía anticorrupción se esta operación consúmase.