septiembre 29, 2011

Xuventudes Socialistas de Compostela pide o máximo respecto para os integrantes da obra "El Barbero de Sevilla"

Dende a Agrupación Local de Compostela das Xuventudes Socialistas de Galicia queremos esixir o máximo respecto para os integrantes da obra "El Barbero de Sevilla" representada onte no Auditorio de Galicia con gran éxito e que deu inicio a temporada de abonos.


Con respecto a orixe do altercado acontecido onte nesta representación queremos aclarar que a orixe non está nun grupo de indignados como se está a dicir desde distintos medios, senón que como é frecuente no mundo da cultura as obras adáptanse e actualízanse con guiños contemporáneos. Isto foi o que aconteceu onte, os actores da obra “El barbero de Sevilla”, o finalizala obra e como parte do espectáculo, emularon os indignados e amosaron pancartas reivindicativas.


Dende Xuventudes Socialistas de Compostela, queremos denunciar a reacción que tivo o alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa, ante o que é un xesto universal no mundo da cultura como é que o Director de Iluminación saúde e de as grazas os técnicos e a mesa de iluminación.


Dende Xuventudes queremos esixir a prensa que sexa fiel a realidade do acontecido onte, que somos moitos os cidadáns de Compostela que onte presenciamos este “espectáculo” por parte do noso alcalde.


Parécenos que isto é unha mostra mais do carácter autoritario e irreflexivo que o alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa, nos ven ensinando dende a súa elección, e cremos que non debería facer falla que lle recordásemos que representa a toda a cidadanía compostelá e polo tanto o seu comportamento debera ser exemplar.

septiembre 24, 2011

Nota das Xuventudes Socialistas de Compostela

As derradeiras declaracións do alcalde de Santiago de Compostela, ao parecer das Xuventudes Socialistas de Compostela, amosan que o señor Conde Roa é incapaz de exercer de alcalde da cidade e levar a cabo acción de goberno, limitándose a actuar coma xefe da “oposición da oposición.” Santiago non precisa un alcalde que limite a súa actividade a culpabilizar de tódolos males ó goberno anterior. Neste senso, a continua queixa sobre a situación das arcas municipais, sostida dende a súa época de concelleiro da oposición, non é máis que unha burda escusa para agochar a súa incapacidade e a total ausencia de proxecto para Compostela.

Segundo a Secretaria Xeral, Noemí Fernández, “estamos a observar con estupor como a chegada a alcaldía do Sr. Conde Roa non só non freou a súa disparatada carreira de declaracións, senón que polo contrario, semella que as incrementou”. “Non ten tempo de gobernar, pois está moi ocupado en disparar contra todo o que lle rodea: policía, oposición e especialmente contra os mozos e mozas, que semella que son o seu leitmotiv particular, acusándoos de vagos, borrachos, malgastadores dos recursos públicos o de non rematar a súa carreira en tempo e forma”.

Dende Xuventudes Socialistas de Compostela queremos denunciar que “non semella que o PP de Conde Roa teña algunha alternativa para mellorar os problemas que sacoden á nosa xuventude: falla de traballo e falla de horizonte laboral claro, dependencia dos proxenitores, contratos vasoira, falla de cooperación entre a universidade e as empresas privadas para tentar unha formación máis efectiva…

Por outro lado, non podemos deixar de coincidir con D. Gerardo Conde Roa en que o abuso do alcohol é un hábito nada saudable, pero pretender criminalizar a quen o consume non soluciona o problema. Neste sentido, cabería pedirlle o alcalde ese mesmo espírito construtivo e conciliatorio que amosou e pediu, non vai moito tempo, para o seu xefe de gabinete. Do mesmo xeito, creemos que crear un estado de opinión dirixido a identificar os estudantes como vagos, borrachos e parasitos do sistema é, ademáis de inxusto, un erro torpe e potencialmente perigoso nunha cidade que é residencia de milleiros de estudantes.

En palabras de Noemí Fernández, “o botellón non é unha actividade modélica, nin pretende selo, é simplemente o reflexo dunha forma de socialización dos mozos e mozas que obedece a condicionantes económicos, sociolóxicos e culturais.” Dende XSG Compostela non defendemos nin o uso nin o abuso do alcohol, pero a criminalización do botellón resulta ineficaz e fondamente hipócrita nun país no que o consumo e o abuso do alcohol está fondamente ligado ás festas e eventos públicos e no que as esmorgas, troulas, algueiradas e foliadas de mozos e non tan mozos non resultan precisamente novidosas en termos históricos.

En palabras da nosa Secretaria Xeral “sería moito máis convinte e politicamente responsable por parte do noso alcalde que se propuxeran medidas alternativas de ocio, que facilitaran recintos, grupos de traballo para poder limpar os resultados do botellón, colaborar para que os mozos poidan reunirse sen que elo supoña máis custo para o seu peto…”

Dende Xuventudes Socialistas de Compostela queremos recordar ó goberno municipal que os cargos supoñen cargas, entre as que está buscar solucións ós problemas e non sinalar co seu dedo acusador a todo o que lles rodea.

septiembre 05, 2011

Os mozos socialistas opóñense á prohibición do botellón

Santiago de Compostela, 5 de Setembro de 2011.

A Secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de Compostela, Noemí Fernández, denunciou hoxe o que para ela supón “un ataque constante do goberno municipal aos mozos composteláns e aos estudantes residentes en Compostela”.

Para as Xuventudes Socialistas de Compostela o botellón no deixa de ser una reunión, un fenómeno social no que é absoluta e radicalmente falso que o único obxectivo sexa consumir alcohol ou outro tipo de drogas. “Non negamos que nos botellóns se consuma alcohol, pero parécenos como mínimo hipócrita pensar que é o único lugar onde se fai”.

Os mozos socialistas opóñense á prohibición do botellón, en palabras de Noemí Fernández “o escenario que nos propoñen dende o Concello é un escenario de represión policial.” “Tanto Conde Roa como Paula Prado como os demais membros do goberno municipal están a criminalizar e estigmatizar aos mozos composteláns, prexulgándoos dunha forma absolutamente desprezable ao denominalos “niñatos” e acusalos de esnaquizar o Campus vida”.

As Xuventudes Socialistas de Compostela denuncian que “ata este momento todo o que os mozos composteláns recibimos deste goberno municipal son descalificacións e desprezos. Non nos propuxeron nin unha soa alternativa de ocio, o que demostra claramente a falta de vontade política que mantén o equipo do goberno do PP en temas de xuventude”. “Desde aquí gustaríanos que alguén nos aclarase quen é esa policía especializada en materia de botellón da que falan, con que expertos, educadores, asociacións, mediadores e demais axentes sociais falaron antes de iniciar esta proposta”

Os mozos socialistas quixeron recordar que “a prohibición a través de ordenanzas municipais no vai a atallar as consecuencias negativas do botellón”, é máis, amósanse convencidos de que “ao tomar este tipo de medidas represivas van a aumentar os altercados e as escenas de violencia”.

As Xuventudes Socialistas de Compostela “apostan e seguirán apostando polo botellón cívico, entendido como un fenómeno social que vai máis alá do consumo de alcohol. Polas campañas de prevención, por falar con expertos, familias, educadores, mediadores e cos distintos colectivos xuvenís da cidade para, entre todos, chegar á conciliación de diversión e convivencia. Estamos convencidos que só desde o debate, o diálogo e o consenso, daremos una resposta axustada a esta realidade”.