agosto 04, 2011

Un ano máis arranca en Compostela o Festival dos abrazos

O Festival arranca o luns 8 de agosto, as 12:00h. cun pasarrúas pola zona vella levado a cabo por A magnifique bande dos homes sen medo, 9 homes que presentan un repertorio inusual e que se definen como unha “non-charanga”, as 17:00h. os máis pequenos poderán soñar no Paseo central da Alameda ca Feira dos Imposibles e a Carpa Máxica onde nada é o que parece!, e as 22:30h. na Praza da Quintana teremos en concerto a No reply, cos que non bailar será imposible.

Feito a man, preséntanos as 20:00h. na Praza de Feixoó o grupo Coralie Yap-Chine Quartet e ás 22:00h. na Praza Salvador Parga atoparémonos con Velcro unha banda de pop rock acústico afincada en Compostela.

O martes 9, as 20:00h. na Rúa das Ameas-Praza de San Agostiño gozaremos da obra do Kolectivo Mostrenko “La pared”, unha divertida obra de teatro que amosará a unha familia que non queren baixar o seu tren de vida.

Feito a man, preséntanos as 20:00h na Vía Sacra a Aline Fraz Trío que tocarán os seus novos temas e as 22:00h. en San Paio de Antealtares desfrutaremos de Sérgio Tannus Trío.

O mércores 10, as 18:00h. na Praza de Salvador Parga atoparemonos con Precicla! é a sua obra “Resicrónica” onde empregarán o refugallo como material de construción, as 20.00h. no Parque de Bonaval (cemiterio) gozaremos de “Ciclones: Circo, truchas y rock`n´roll” de Cia. Fas un espectáculo surrealista que conxuga música con circo e as 22:00h. na Ruela de Xerusalén poderemos ver “O sal deste mar”.

Feito a man, presenta as 21:00h. na Praza de Cervantes, Noites en Cervantes: Sons da Cidade Vella. Chick Mcauly, Padddy Duncan & friends+Davide Salvado: “Arnica pura” e as 22:30 en San Paio de Antealtares desfrutaremos de Alejandro Vargas trío considerado como un dos grandes músicos de jazz de Cuba.

O xoves 11, as 18:00h na Alameda volveremos encontrarnos con Precicla! nesta ocasión mostraranos a Confección dun “tecido-Patchwork” comunitario empregando o residuo como materia prima, as 20:00h na Praza de San Agostiño atoparemos con Mar Gómez e a sua danza “Heart Wash. Una historia de amor abocada al fracaso”, as 21:30h na Praza do Toural bailaremos co DJ Álvaro DC.

Curtocircuíto: Palmarés 2011, as 22:30h na Praza do Toural: El Somriure Amagar / O Sonrriso Escondido, Birdboy / Neno-Paxaro, El Grifo, Estereoscopía, Vicenta e Turning.

Feito a man, as 20:00h ofrecenos na Vía Sacra a Rafael Fernández Trío + Logan Richardson e vólvenos a dar a oportunidade de gozar en San Paio de Antealtares de Alejandro Vargas trío as 22:00h.

O vernes 12, as 20:00h. na Praza de San Martín Pinario gozaremos de Abe Rabde e ás 22:30h na Zona C atoparemonos con Sam Amant.

É o sábado 13, na Praza de San Martín Pinario, atoparémonos con Atlántica Vapora Orquestra, trece músicos que fan unha versión folk sobre o repertorio recuperado da zona mariñeira de Arousa.

agosto 02, 2011

O látego constante do PP á Cultura en Compostela

Hai un dito en política que di que por cortesía cando entra un novo goberno haille que dar 100 días de prazo antes de empezar a valorar a súa xestión. O novo goberno municipal de Compostela tan só leva un mes, 30 días. Nestes días deille moitas voltas a este artigo, por un lado non quería saltarme esta máxima, pero por outro a gran maioría das decisións que ata este momento tomou o novo goberno preocúpanme, preocúpanme moito.

A cultura en Compostela está a sufrir o látego constante dun goberno municipal ao que parece que lle preocupa moi pouco. A lingua galega, a nosa lingua, está a ser desprestixiada e ninguneada. A imaxe de Conde Roa, o 25 de Xullo, vestindo o traxe galego de gala, impactoume, recoñezo que cando o vin crin que algo ía cambiar e que por fin este goberno ía deixar de desprestixiar a nosa cultura, pero dúas horas despois de aparecer así vestido non tivo sequera a dignidade de pronunciar o discurso do concello en galego, era o día da Patria Galega e o noso alcalde non tivo a decencia de realizar o discurso na nosa lingua, está claro que parécelle pouco a lingua dos galegos e tense que expresar en castelán… ¿qué fará o Día de la Hispanidade?. Señor Conde Roa o hábito non fai o monxe.

Este xesto, o de querer saír na prensa custe o que custe, recordoume ao xesto que tivo o ano pasado cando se presentou no pleno municipal cun cheque por valor de 7300€, cantidade que adebedaba á cidade... ata aquí todo ben, os fotógrafos sacáronlle as fotos oportunas e saíu en toda a prensa como se saldara a súa débeda con Compostela. Algo fora dos límites da lóxica,da razón ou mesmo das leis da física debeulle de acontecer o tan famoso cheque na súa viaxe desde o punto de posado ate o departamento da tesorería...¡¡¡Sorpresa¡¡¡ nunca se chegou a entregar, polo que o concello tivo que executar un aval para poder resarcirse da débeda.

Pero non só a cultura está a ser maltratada, o ambicioso proxecto das Brañas de Sar paralizouse, o curioso é que o PP alega razóns medioambientais, cando se trata do proxecto medioambientalmente falando máis importante de Compostela. Nos Consellos de Administración non se respecta a proporcionalidade, tal e como indica a lei, creo que todos podemos comprender que 13 non é triplo de 9 e que 9 non é o mesmo que 3. Varios estudos independentes declaran que o aparcadoiro da praza de abastos é un proxecto inviable, non obstante Conde Roa promete picar aquí e alí e todo para chegar á conclusión á que chegaron os anteriores gobernos municipais... habería que preguntarse porqué.

Señor Conde Roa, aínda está a tempo de rectificar.