agosto 02, 2011

O látego constante do PP á Cultura en Compostela

Hai un dito en política que di que por cortesía cando entra un novo goberno haille que dar 100 días de prazo antes de empezar a valorar a súa xestión. O novo goberno municipal de Compostela tan só leva un mes, 30 días. Nestes días deille moitas voltas a este artigo, por un lado non quería saltarme esta máxima, pero por outro a gran maioría das decisións que ata este momento tomou o novo goberno preocúpanme, preocúpanme moito.

A cultura en Compostela está a sufrir o látego constante dun goberno municipal ao que parece que lle preocupa moi pouco. A lingua galega, a nosa lingua, está a ser desprestixiada e ninguneada. A imaxe de Conde Roa, o 25 de Xullo, vestindo o traxe galego de gala, impactoume, recoñezo que cando o vin crin que algo ía cambiar e que por fin este goberno ía deixar de desprestixiar a nosa cultura, pero dúas horas despois de aparecer así vestido non tivo sequera a dignidade de pronunciar o discurso do concello en galego, era o día da Patria Galega e o noso alcalde non tivo a decencia de realizar o discurso na nosa lingua, está claro que parécelle pouco a lingua dos galegos e tense que expresar en castelán… ¿qué fará o Día de la Hispanidade?. Señor Conde Roa o hábito non fai o monxe.

Este xesto, o de querer saír na prensa custe o que custe, recordoume ao xesto que tivo o ano pasado cando se presentou no pleno municipal cun cheque por valor de 7300€, cantidade que adebedaba á cidade... ata aquí todo ben, os fotógrafos sacáronlle as fotos oportunas e saíu en toda a prensa como se saldara a súa débeda con Compostela. Algo fora dos límites da lóxica,da razón ou mesmo das leis da física debeulle de acontecer o tan famoso cheque na súa viaxe desde o punto de posado ate o departamento da tesorería...¡¡¡Sorpresa¡¡¡ nunca se chegou a entregar, polo que o concello tivo que executar un aval para poder resarcirse da débeda.

Pero non só a cultura está a ser maltratada, o ambicioso proxecto das Brañas de Sar paralizouse, o curioso é que o PP alega razóns medioambientais, cando se trata do proxecto medioambientalmente falando máis importante de Compostela. Nos Consellos de Administración non se respecta a proporcionalidade, tal e como indica a lei, creo que todos podemos comprender que 13 non é triplo de 9 e que 9 non é o mesmo que 3. Varios estudos independentes declaran que o aparcadoiro da praza de abastos é un proxecto inviable, non obstante Conde Roa promete picar aquí e alí e todo para chegar á conclusión á que chegaron os anteriores gobernos municipais... habería que preguntarse porqué.

Señor Conde Roa, aínda está a tempo de rectificar.

2 comentarios: